Os Rechouchíos teñen por obxectivo organizar de maneira estable actividades culturais relacionadas coa
dinamización lectora e lingüística do público infantil e achegarlles recursos ás familias encamiñados á
socialización en galego da infancia.

Neste novo ciclo haberá teatro, monicreques, narración oral e moita música nas actividades que comezan
o venres 19 de setembro ata o venres 24 de outubro nos espazos asociados á Biblioteca Pública Municipal de Moaña e ás axencias de lectura de Tirán e Domaio. As actividade do 10 e do 17 de outubro contarán con intérpretes en lingua de signos de XOGA (Organización de Diversidade Sensorial de Galicia), polo que nos días previos publicaremos no facebook os Signochíos: 4 ou 5 cinco palabras signadas que definen esta actividade. Todos estes espectáculos son de balde ata completar cabida.
Programa:

  1. Venres 19 de setembro, Sala Celso Parada do Centro Sociocultural Daniel Castelao, Quintela, 18 h
    As Tareixas: Santo mandil
    Espectáculo musical para público familiar
    O compositor José Manuel, xunto cos seu fillo Román (clarinete e voz) e a súa filla Omara (trompeta e voz),
    forman este universo familiar musical.
    Os seus temas e composicións, aptas para todos os públicos, son orixinais e en galego; falan das relacións
    humanas e de como nos relacionamos coa natureza.
    Todo o seu repertorio musical está formado por cancións orixinais, en galego, de temas infantís, aínda que
    aptas para todos os públicos.
    Veñen a Moaña a presentar o seu primeiro disco, Santo mandil, de letras profundas, arranxos coidados e
    interpretacións cheas de emocións para gozar en familia.
  2. Venres 26 de setembro, Centro Sociocultural Rosalía de Castro, Domaio, 18.00 h
    Barafunda: Os ourizos, o musical
    Musical recomendado dos 4 anos en diante
    Sinopse: Cacho, unha ouriza de terra moi alegre e carismática, ve como todo cambia coa adolescencia ao crecer as súas pugas e ser rexeitada pola veciñanza. Daquela, refúxiase na música e, coa súa guitarra, fai novos amigos: Rizo, Picho e Flor, con quen forma unha banda de rock. A pesar dos retos, atopan apoio mutuo e un concurso de bandas na primavera marcará un cambio inesperado nas súas vidas.
    Financia: Programa Ler conta moito da Xunta de Galicia.
  3. Venres 3 de outubro, Sala Celso Parada do C. S. Daniel Castelao, Quintela, 18.00 hm Tanxarina Teatro: Titiricircus
    Teatro de marionetas recomendado a partir dos 3 anos

Sinopse: Unha lembranza ensoñadora e festiva do gran circo de carpa alta e bicolor: a historia de dous vellos traballadores daquel circo que lembran agora con marionetas de fíos as glorias do seu pasado na pista.

Nun permanente xogo participativo co público, van aparecendo os números máis importantes daquel vello circo xa desaparecido: o home máis forte da península ibérica; o malabarista máis divertido e bailadeiro do mundo…

TITIRICIRCUS é a obra máis representada do teatro galego con máis de 1500 representacións.

Espectáculo recomendado pola Red de Teatros española.
Financia: Programa Ler conta moito da Xunta de Galicia.

  1. Venres 10 de outubro, Centro Sociocultural Castroviejo, Tirán, 18.00 h
    Raquel Queizás: A maleta da mestra
    Narración oral recomendada a partir dos 3 anos
    Sinopse: Á mestra substituta chamábamoslle Pisapouquiño, era divertida e agarimosa, non como dona
    Clarisa. Chsss! Que agocha a maleta da nova mestra? Que misterio! Abrímola amodiño….
    Moitas follas de papel escritas voan e quedan ciscadas polo chan. A mestra non se enfada, sorrí e di:
    Estamos na Horta das nosas letras. Vexo, vexo, un A… Adiviñas, cantigas, contos e lendas!
    Financia: Programa Ler conta moito da Xunta de Galicia.
    Conta con intérprete en lingua de signos XOGA
  2. Venres 17 de outubro, Centro Sociocultural Castroviejo, Tirán, 18.00 h
    Paula Carballeira: Contos de sapos, bruxas e curuxas
    Narración oral recomendada a partir dos 4 anos
    Sinopse: Non todo o mundo sabe que as bruxas son intelixentes, as curuxas astutas e os sapos valentes.
    Non todo o mundo sabe que as bruxas son astutas, as curuxas valentes e os sapos intelixentes. Non todo o
    mundo sabe que os sapos son astutos, as curuxas intelixentes e as bruxas valentes. Pero para iso están os
    contos, para lembrarnos o que esquecemos desde o inicio dos tempos.
    Financia: Programa Ler conta moito da Xunta de Galicia
    Conta con intérprete en lingua de signos XOGA
  3. Venres 24 de outubro, Centro Sociocultural Rosalía de Castro, Domaio, 18 h
    María Faltri: Coa pandeireta na man
    Espectáculo musical recomendado a partir dos 3 anos
    Sinopse: Espectáculo para achegar ás máis pequenas a riqueza da música tradicional galega e a importancia da tradición oral. A partir dun repertorio de cancións emblemáticas da música tradicional e a través de xogos de repetición, bailes e brincadeiras, as nenas e nenos terán a oportunidade de recoñecer parte da historia popular e tradicional da nosa música, facendo súa a importancia da tradición oral. Unha experiencia completa para toda a familia, xa que as familias asistentes, xunto coa cativada, poderán traer pandeiretas, cunchas, axóuxeres ou calquera instrumento de percusión. Faremos desta xuntanza unha festa!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *