Youtubeiras+, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de promocionar o talento en galego nas redes sociais, acada a súa novena edición. Os Premios Youtubeiras+, cuxas bases se poden consultar xa en www.youtubeiras.gal, abren a participación á creación de contidos en galegos en calquera rede social e en todos os formatos. O concurso, que até a edición pasada só permitía concorrer a quen lanzase as súas creacións en YouTube e TikTok, amplía o seu campo de acción e permite competir ás persoas maiores de 16 anos que teñan canles autoproducidas nas redes sociais en activo e accesibles durante o certame.
A concelleira de Normalización Lingüística de Moaña, Dolores Chapela, quixo salientar a implicación das diferentes institucións que son compañeiras neste proxecto. A representante do concello moañés sinalou que, nesta novena edición, os Premios Youtubeiras+ repartirán 7500 € entre as persoas gañadoras das sete categorías nas que se divide o certame este ano: Canle, Creación de Contidos,Podcast, Revelación, Calidade Lingüística, Rede e Premiodo Público. Todos os premios están dotados con 1000 euros, agás os das dúas primeiras categorías, cuxos galardóns ascenden aos 1250 euros. O prazo de inscrición remata o próximo 16 de novembro.