Catro meses despois de inaugurar o Ateneo Áreas Gordas cun concerto acústico en O Ghato de Mar, Francisco Castro volve a Cangas, esta vez para achegarse ao público exclusivamente na súa condición de escritor. O encontro será o xoves 18 ás 20:00 horas na Libraría Maraxe.
A novela Eva tomando o sol propón unha apaixonante historia de amor maduro, onde o desexo e a sensualidade non se agochan, senón que se reivindican como parte esencial da vida en calquera etapa. Se en García Márquez as relacións maduras se presentan cunha linguaxe máis simbólica e evocadora, en Castro a paixón aparece con toda a súa intensidade, explícita e sen complexos, convidando a reflexionar sobre a plenitude do pracer e a capacidade de amar máis alá da mocidade.
O Ateneo Áreas Gordas, organizador desta nova cita literaria, naceu recentemente co obxectivo de dinamizar a vida cultural de Cangas e de ofrecer un espazo plural onde teñan cabida a literatura, a filosofía, a música, a arte e o diálogo interxeracional. A súa vontade é apostar pola palabra, polo pensamento e pola creación compartida, facendo da cultura un punto de encontro vivo e transformador.
Con esta presentación, o Ateneo continúa a súa andaina poñendo o foco na literatura galega contemporánea e nos autores e autoras que, coma Francisco Castro, achegan novas miradas para entender o amor, a paixón e a propia condición humana.