A alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira Marián Sanmartín, mantiveron hoxe unha reunión de coordinación entre a empresa que está construindo o ascensor do colexio e a que iniciará as obras de rehabilitación do pavillón deportivo
O entorno do Sequelo é neste momento un auténtico fervedoiro de execución de obras. Aos traballos de recuperación medioambiental do río Lameira, coa instalación do colector e a creación dunha nova senda peonil, súmanse agora dúas novas obras esenciais para que os equipamentos desta zona de Marín melloren enormemente. A do río Lameira supón unha inversión de 3,1 millóns de euros e suporá un antes e un despois no saneamento do núcleo urbano de Marín e na conexión verde e sostible do Sequelo co centro.
Están en plena execución as obras de instalación dun ascensor para a acadar a adaptación e total accesibilidade no CEIP Sequelo. A obra, que realiza a Consellería de Educación, supón unha inxección económica de máis de 200.000 euros.
A maiores, está a piques de arrancar o proxecto de rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética do Pavillón do Sequelo, unha obra promocionada polo Concello, para a que acadou financiación por parte da Xunta e da Deputación de Pontevedra, a razón dun 50% cada administración, e cun montante total superior aos 725.000 euros. “Polo tanto, podemos dicir que nestes momentos estanse investindo máis de 4 millóns de euros”, explicou a alcaldesa, María Ramallo, a pé de obra, que, acompañada da concelleira Marián Sanmartín, realizou unha reunión de coordinación entre a empresa que está executando a obra do ascensor no centro educativo e a que iniciará os traballos dentro do pavillón deportivo.
“Entendemos enormemente que a veciñanza desta zona estea saturada de obras, sumando agora estas, que complican un pouco as entradas no cole, pero o cambio que vai dar toda esta zona con estas actuacións é tremendo”, explicou a rexedora.
Ramallo resumiu todas as obras en tres palabras: “Accesibilidade, sostibilidade e integración. Libéranse as barreiras nun cole, mellórase un pavillón utilizado por unha enorme cantidade de nenos e nenas, actuando na súa cuberta e illándoo a nivel térmico, e finalmente, renaturalizamos un río e renovamos toda a instalación de saneamento do barrio”.
Ademais, a alcaldesa quixo insistir nalgo “ que é tremendamente importante para un Concello. Todas estas actuacións supoñen un custe de prácticamente cero para as arcas municipais, así que temos que seguir xestionando neste sentido: dotando á vila de inversións claves, como estas, pero sen hipotecar o noso propio Orzamento”.
Aínda que as obras do ascensor solicitaron unha prórroga, as empresas conveniaron entre elas que nas próximas semanas a coexistencia dos traballos de ambas será perfectamente posible e poderán coordinarse para que ambas avancen cumplindo os prazos establecidos.