O servizo de recollida en Moaña afronta “a peor situación da súa historia” con contedores rotos, insuficientes, invadidos polas ratas, sucios e sempre desbordados pola falta de recollida
O grupo municipal do PP de Moaña valorou moi negativamente a confirmación por parte do BNG da comarca do Morrazo de duplicar a taxa de limpeza e recollida de lixo desde a Mancomunidade, pasando de 67 a 126 euros para as vivendas, e que non se arranxará nin mellorará o servizo antes sequera de incrementar a taxa de xeito razonable e responsable.
Para os populares, a alcaldesa, Leticia Santos, e os seus socios do Bloque venden isto como “xustiza social” e “sostibilidade”, pero a verdade é que as familias de Moaña van pagar o dobre polo “peor servizo de recollida da provincia”, que é unha consecuencia directa da incompetencia do BNG durante moitos anos ao fronte da entidade comarcal.
Ademais, desde o PP de Moaña revelaron que a rexedora é a principal impulsora e que lidera este “sablazo estratosférico” entre os tres alcaldes do BNG e non comparten esta medida, e menos procedendo da propia Leticia Santos, xa que Moaña ten o peor servizo, de longo, de toda a bisbarra “e sendo moi xenerosos poderíamos calificalo como terceiromundista”.
“O peor de todo é que quere que a veciñanza de Moaña comulgue con pedras de muíño, afirmando que non se subiu a taxa desde 2008, pero non se quere lembrar de que dos últimos 17 anos, o BNG gobernou Moaña en 13 e ben se puido subir este tributo de xeito progresivo, razoable, responsable e cun serviczo óptimo, pero a súa incompetencia e o seu cálculo electoral permanente fixo que o servizo se deteriorara, non se fixera nada para solucionalo e agora estamos nesta situación, mentras a veciñanza de Moaña asiste impotente a este atraco e ‘basurazo’ polo peor servizo da provincia”, manifestou o voceiro municipal, Alfonso Piñeiro, que tamén lamentou os intentos de xustificación, desculpas e incluso de botar a culpa aos demais por unha medida “que esperta un absoluto descontento dos veciños, e non pola suba, senón polas cifras desorbitadas”.
“Din que bonificarán a reciclaxe, o cal non se entende moi ben porque na maioría dos fogares os veciños xa separan e reciclan, pero o problema é que cando teñen que depositar os residuos separados nos contedores axeitados, o que acontece é que ou ben están sempre cheos ou non existen, co que teñen que desprazarse para vir de volta co lixo para súa casa”, detallou o concelleiro popular.
Finalmente, o PP de Moaña esíxelle á alcaldesa que rectifique e que, en primeira instancia, proceda a preocuparse polo cumprimento das condicións do contrato e mellore o servizo e, unha vez que a veciñanza teña unha prestación axeitada, poidan propoñer unha actualización progresiva e razoable “moi lonxe do sablazo co que pretende asaltar os petos das familias do Morrazo”.