A Mostra do Audiovisual e Cinema da vila foi presentada esta mañá na Bailona, un dos espazos nos que haberá actividades. Celebrarase do 20 ao 23 de agosto
Esta mañá, o local da Bailona do Paseo Alcalde Blanco serviu como escenario para presentar unha nova edición da MACM (Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín), que se celebrará na nosa vila do 20 ao 23 de agosto. Na presentación, participaron o director do festival, Daniel Antelo, a escritora e membro do xurado, Elena Gallego, e a concelleira Itziar Álvarez.
Antelo explicou que este ano a programación é máis ambiciosa ca do resto de edicións do evento, “con máis proxeccións, actividades e obradoiros para a rapazada”. Ademais, sinalou que se integra, grazas á colaboración do Concello, o Ciclo Mestre Mateo dentro da programación, “polo que poderemos contar con filmes como As Neves ou Salvaxe”.
“Tratamos de escoller pezas que abarquen a distintos públicos”, detallou Antelo, que adiantou que o festival de cinema contará coas mesmas seccións de anos anteriores: Filmes Atlánticos, Outras Miradas, Cinema Xove… Todo isto nunha edición con récord de participación: recibíronse máis de 300 curtas e un total de 42 webseries, un formato no que se notou moito “que o MACM pasase a formar parte do circuito internacional de web series”.
Ademais, o director adiantou que nesta categoría participará por primeira vez unha web serie feita en Marín onde o universo western de John Balan e o humor cruzaranse para presentar á vila dunha maneira diferente e cinematográfica. Pola súa banda, a concelleira Itziar Álvarez quixo remarcar a importancia de “dar apoio a iniciativas coma estas, que enriquecen o tecido cultural marinense e que son unha forte aposta persoal, neste caso de Dani, ao que lle agradecemos toda a súa implicación e esforzo”. Desexando que esta edición saia á perfección, Álvarez asegurou que este camiño “ten moito futuro”.
Diso precisamente falou tamén a escritora e xornalista Elena Gallego, que se estrea como xurado da selección de filmes e que tamén está a facer os seus primeiros traballos no audiovisual, como produtora e guionista da curta Furancho, “realizada aquí e con xente de Marín” e que poderá ver a luz pronto “para despois poder xirar polo circuito de festivais”.
Gallego reivindicou esa importancia de facer cine e cultura desde o local, seguindo a premisa de que “o cine non é só Hollywood” e visibilizando o momento doce que está a vivir o audiovisual galego.
Programación
MÉRCORES, 20 DE AGOSTO
Museo Manuel Torres
- 10.30h. Inauguración da Mostra: Marín de Cine – Club Audiovisual
- 11.00h. Web Series World Cup: Jöel Bassaget
- 12.00h. Webseries galegas: conivdad@s especiais
- 12.30h. Novos Medios: proxeccións
Parque Azul de Cantodarea - 17.00h. Proxeccións Selección Oficial – Filmes Atlánticos
- 18.00h. Rogelio Santos Queiruga: Especies do noso ecosistema mariño
- 21.00h. Ciclo Mestre Mateo: Salvaxe – Longametraxe documental
(Dirección: Emilio Fonseca)
XOVES, 21 DE AGOSTO
Casa de Cultura de Santomé - 10.30h. Nuska Chousa: Consellos para o coidado da horta
- 12.00h. ALTRI NON – A Batalla Definitiva: proxeción e coloquio da man de
Mavel Ribera, produtora executiva do documental
Casa de Cultura de Seixo - 17.00h. Marín de Cine: potenciar o local a través do cinema
- 18.00h. Máster Class: creación audiovisual
Hotel Villa de Marín - 21.00h. Ciclo Mestre Mateo: Platónico, Platónica, Véxote, Pura e Nai
VENRES, 22 DE AGOSTO
Museo Manuel Torres
- 10.30h. MAC MARÍN, o primeiro certame adicado ó mercado audiovisual na vila: inicios, contexto e futuro
- 11.00h. Máster Class: a IA no audiovisual La Bailona (Paseo Alcalde Blanco)
- 12.00h. Bea Sotelo: creadora de contido
- 12.30h. Harley: o can motero e tiktoker
- Ateneo Santa Cecilia
- 17.00h. Máster Class: Creación Audiovisual
- 17.30h. Cinema Xove: Proxeccións
Finca de Briz - 17.00h. Obradoiro Infantil Audiovisual: Efectos especiais
- 21.00h. Ciclo Mestre Mateo: As Neves – Longametraxe de ficción (Dirección: Sonia Méndez)
- SÁBADO, 23 DE AGOSTO
Hotel Villa de Marín - 11.30h. MAGO PACO – A Maxia do Cinema
- 12.00h. Ciclo Mestre Mateo – Sesión Infantil: Eu Vou Comingo, Noites de Prata e Avetimología
- 17.00h. Filmes Atlánticos: selección oficial
- 18.00h. Outras Miradas: selección oficial
Museo Manuel Torres - 20.00h. Gala de entrega de premios de IV MAC MARÍN (con convite: escribir a produción)
La Bailona (Paseo Alcalde Blanco)
- 23.00h. Fin de festa coa actuación da banda Groovin Folks