A serie de Telecinco, protagonizada por Lucía Jiménez e Alfonso Bassave, leva esta semana varias xornadas de preparación e rodaxe no parque marinense
Non hai nada máis emocionante que ver o pobo dun na pantalla. En Marín, pronto teremos esa sorte, cando chegue ás nosas televisións a serie “Marusía. Vientos de Honor”, de Mediaset España, que está ambientada na Escola Naval Militar e que hoxe tivo toda unha xornada de rodaxe na nosa Finca de Briz, que será un dos escenarios da trama.
A alcaldesa, María Ramallo, e os concelleiros Marián Sanmartín e Manuel Santos, achegáronse ata o set de rodaxe para coñecer de primeira man como traballan os equipos de Unicorn Content e a productora galega CTV, que son os encargados da produción desta serie, protagonizada polos actores Lucía Jiménez e Alfonso Bassave.

A rexedora tamén puido manter un encontro con Fran Parra, o director, ao que lle deu moitos azos no que resta de rodaxe, así como a todo o equipo técnico, que só hoxe na Finca xuntou a preto de 40 persoas traballando.
Ramallo considera que “o audiovisual está nun momento clave e en Marín alegrámonos moito de poder ser unha paisaxe televisiva máis, sobre todo nunha serie coma esta, que se inspira na nosa universidade, nese centro castrense único en España e que tamén marca parte da nosa identidade”.
Ambientada na Escola Naval Militar e producida en colaboración con Unicorn Content co apoio da productora galega CTV, a serie, que tamén se está a grabar en diversas localizacións de Pontevedra, incluida a cidade de Vigo e as Rías Baixas, conta coa colaboración da Armada Española e combina nas súas tramas elementos de thriller, drama, amor, acción e misterio. A serie é benefi ciaria das axudas para a realización de rodaxes audiovisuais da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e está cofi nanciada pola Unión Europea.