O PP recorda que a vila leva anos sen contar con recursos autonómicos que requiren deste estudo previo para a financiación de actuación na deteriorada rede.
O Partido Popular de Cangas manifesta o seu escepticismo ante o anuncio do Goberno local de que presentou a solicitude para optar ás axudas autonómicas para a realización dunha auditoría da rede de sanemaento e abastecemento, traballos previos imprescindibles para poder obtar a recursos da Xunta para a financiación concretas de mellora. “Parece que despois de dous anos, mocións e denuncias da nosa formación decidiron actuar” reflexionan desde o grupo municipal, “agora, o que teñen que explicar á veciñanza é porque non o fixeron antes” engaden. “Alguén debería asumir a responsabilidade polos recursos e tempo perdido na solución do maior problema medioambiental do noso municipio” declaran.
“Na dinámica surrealista na que teñen sumida a política canguesa, con xuntas de portavoces ás que no acoden representantes dos grupos de goberno ou con escándalos periódicos, parece que facer o seu traballo e solicitar esta axuda por primeira vez despois de dous anos no Goberno municipal é todo un logro e exemplo de boa xestión” reflexionan. “O certo é que este feito demostra que tíñamos razón cando sinalamos a falta de traballo deste equipo de goberno e cando reclamamos que solicitaran estas achegas en lugar de pasear a Santiago de Compostela non se sabe moi ben a qué”.
Unha actuación que para o grupo maioritario da corporación foi en beneficio da empresa concesionaria “que factura pero non cumpre coas súas obrigas” e en perxuízo dun servizo “que está detrás do grave deterioro de moitas das estradas e camiños do municipio”. “A señora alcaldesa xa deixou clara a súa pretensión de que sexamos todos os veciños e veciñas os que asumamos o millonario coste da incompetencia dos responsables municipais e deixadez da empresa ao longo da última década” critican, “comprando o argumentario da UTE, aceptando ao polbo como animal de compañía, e actuando máis na defensa dos intereses desta corporación multinacional cotizada no IBEX, que nos intereses do Concello de Cangas” lamentan.
“Lonxe quedan os anuncios e promesas electorais incumpridas de municipalización do servizo, os expedientes de rescisión abertos para deixalos caducar nun caixón, as sacións pagadas polo concello por verteduras (non pola empresa), ou os ceros expedientes abertos á empresa polas constantes aberías e roturas que ocasionan episodios graves de contaminación por fecais que provocaron o peche ao baño de praias e que levan anos danando gravemente o noso maior recurso natural: as nosas rías” enumeran. “Unha nula xestión que continuaremos fiscalizando” anuncian, “por moito que moleste algúns” engaden, “sempre co horizonte posto na solución ás reiteradas e prolongadas verteduras no tempo de augas fecais no noso litoral” rematan.