A homenaxeada Amelia González.

A iniciativa reivindica mulleres cociñeiras da vila con motivo do Día Internacional das Mulleres

O Concello de Bueu e a Asociación de Empresas Hostaleiras da vila homenaxearon este sábado a Amelia González, de Casa Solla, no marco das III Xornadas Gastronómicas En Feminino Bueu. O acto tivo lugar a partir das 12.30 horas nun salón de plenos ateigado de persoas e de moita emoción, e nel a homenaxeada compartiu anécdotas, ademais de recibir por parte do Concello unha figura de Rosalía de Castro de Sargadelos.

Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, comezou a xornada destacando que “as mulleres son e foron relevantes en todos os eidos, sobre todo nos que menos se mira, e temos que visibilizalas”. A continuación interveu Antonio Rosales, dende a asociación, quen salientou que “o máis importante das nosas mulleres é que levaron o peso da casa e do traballo fóra” e “Amelia é un exemplo dos tantos que hai, mulleres que renunciaron a ese protagonismo que xa é hora de devolverlles”.

A continuación, María José Bastón fixo unha semblanza de Dona Amelia, á que definiu coma “unha muller miúda, de conversa fácil e envolta de tenrura” ademais de ser “unha muller que camiñou pola vida de puntas, sen facer ruído e non aparecer nas entrevistas”.

Así, foi grazas a esta forza da homenaxeada que o restaurante Casa Solla evolucionou dende aquel primeiro merendeiro ata o que chegou a ser. “Ela deu sempre o mellor de si, traballando man a man coas cociñeiras e sempre buscando chegar a máis, ofrecendo ideas innovadoras co toque da casa que sempre a caracterizou”, refrendou.

Amelia González fundou xunto a José Solla a Casa Solla no 1961, e nel estivo ata que se xubilou. No acto de hoxe agradeceu a todo o pobo de Bueu que se acordase dela, porque “para min é un orgullo e nunca pensei que tanto o merecera”. Nunha conversa co público, Dona Amelia lembrou como naqueles primeiros anos atendía ela soa a casa, os fillos e a cociña do negocio, e sempre “co apoio das mulleres cociñeiras que tiña ao meu lado e das que tanto aprendín”, recoñecía emocionada.

A finais dos anos 80 incorporouse Pepe Solla, un dos seus fillos, que é o que dende o ano 2003 segue o camiño en solitario, co respecto á historia tanto dos seus pais como de Galicia. Precisamente foi Amelia González a que conseguiu co seu home a Estrella Michelín que hoxe o restaurante conserva.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *