A despedida “laica” será mañá domingo as catro e media da tarde no Tanatorio de Cangas.
A comarca do Morrazo, e especialmente o municipio de Cangas, ten un sentimento de pesar desde primeira hora da mañá de hoxe cando espertou coa triste noticia do falecemento do poeta e escritor Bernardino Graña, aos 92 anos de idade. “O poeta do mar”, como se lle coñecía, morreu durante a madrugada do sábado deixando orfa á literatura galega e a tantos e tantos cidadáns e representantes políticos de toda a comarca para os que foi referente desde década atrás.
A corporación do Concello de Cangas, a través dun manifesto institucional, expresou a súa “fonda dor” pola perda do que foi o seu Fillo Predilecto desde 2022 e lembrou “todo canto fixo por Cangas e por Galicia cunha obra destacada e recoñecida por todas e todos”. «O seu labor literario e creador únese ao seu legado humano pois, era veciño cercano e querido por todas e todos», recoñeceron todos os grupos municipais engadendo que a súa obra “fainos máis sensibles, máis humanos”.
Tamén Moaña mostrou a súa consternación pola morte de Graña, que chegou a residir durante un tempo na parroquia de Tirán. Xa á primeira hora tanto desde as canles do Concello como tamén desde o propio da Alcaldesa, Leticia Santos, o goberno local manifestou o seu pesar por esta perda e fíxoo reproducindo os versos que creou un dos seus alumnos, Xosé Manuel Millán, tamén falecido en 2020. Un poema, explica Santos, que Millán escribiu a Graña nun momento moi difícil de saúde e que acabou limitando a súa mobilidade desde entón: “Amigo Bernardino, hoxe que volto a vista atrás, que estou regresando espido para reencontrármonos, nalgún futuro de cinzas onde nos confundiremos…”.
Desde a RAG tamén trasladaron as súas condolencias á familia, amigos e coñecidos do cangués. Nun comunicado lembraron a Bernardino como «unha persoa moi querida dentro e fóra da Academia. Un poeta de enorme talento, cunha sensibilidade especial, extraordinariamente dotado para a lírica», subliña o presidente, Víctor F. Freixanes, quen foi editor dalgún dos seus libros e a quen describiu como un amigo «leal, alegre e cariñoso».
O conselleiro de Cultura, José López Campos, destacou a “fonda perda para as nosas letras do poeta, novelista e dramaturgo do mar e do amar”. E así un longo número de personas relacionadas coa cultura de Galicia que non quixeron deixar de trasladar as condolencias aos seus fillos, Iria e Denis, ademais de ao resto da súa familia e amigos.
A despedida “laica” a Graña será hoxe domingo as catro e media da tarde no Tanatorio de Cangas.
Nacido en Cangas en 1932, foi un dos membros fundadores do grupo Brais Pinto e converteuse nun autor recoñecido pola crítica e o público das letras galegas. A paisaxe, a lingua, a experiencia amorosa e os ambientes mariñeiros nos que creceu deixaron unha forte pegada na lírica do autor. Pasou a súa infancia entre Cangas e Ribadavia, onde o seu pai dirixía unha academia na que foi compañeiro de pupitre do académico Xesús Alonso Montero. De mozo incorporouse ao comité de redacción da revista de poesía de Vigo Alba, que dirixía Ramón González Alegre.