A Consellería do Mar concede axudas ás confrarías de Cangas, Aldán-Hío e Vilaboa para un novo centro de estabulación, un apilador eléctrico, un portapalés ou a adquisición dun contedor de xeo
No período 2016-2023 foron desenvoltos preto de medio millar de actuacións no marco do Plan de Equipamentos Portuarios que supuxo un investimento de 21,5 millóns de euros.
A Xunta de Galicia mobilizará o vindeiro ano 9 millóns de euros en axudas a novos proxectos colectivos de modernización, mellora dos equipamentos e das infraestruturas portuarias. Deste xeito dáse continuidade aos apoios autonómicos co obxectivo de acadar un sistema portuario pesqueiro máis eficaz economicamente, tecnolóxicamente avanzado, socialmente integrador, enerxéticamente eficiente e que contribúa á neutralidade climática. Así, están estruturadas en cinco liñas estratéxicas que abordan aspectos como a mellora das condicións de traballo e seguridade, incrementar o control e trazabilidade dos produtos desembarcados procedentes da pesca, a protección do medio ambiente, eficiencia enerxética así como obras de modernización e seguridade das infraestruturas portuarias pesqueiras fronte eventos meterolóxicos provocados polo cambio climático.
Nesta liña, na última convocatoria, ante a gran cantidade de solicitudes presentadas e a relevancia que teñen os portos pesqueiros, a Consellería do Mar ampliou o crédito en case 3,4 millóns de euros o que fixo posible financiar 47 proxectos, entre os que destacan os dirixidos a mellorar a trazabilidade dos produtos desembarcados que representan o 38% e os destinados a mellorar a seguridade e as condicións de traballo das persoas pescadoras que representan o 36% dos proxectos. Resulta especialmente relevantes os dedicados á eficiencia enerxética e a protección ao medio ambiente que permitirán un aforro enerxético do 57% e evitar a emisión de case 40 toneladas de CO2 á atmosfera que equivalen á plantación dunhas 1.262 árbores. Cifras que que poñen de manifesto o impacto deste tipo de actuacións que supoñen importantes vantaxes económicas e medio ambientais para a sociedade. Unha liña de traballo na que se pretende afondar incrementando nun 10% o crédito para a vindeira convocatoria destas achegas respecto ao inicialmente orzamentado na anterior.
O Goberno galego continúa avanzando na mellora dos equipamentos portuarios galegos coa concesión de novos apoios ao sector para o desenvolvemento de proxectos colectivos para a modernización e mellora das infraestruturas portuarias, nos lugares de desembarque, lonxas ou ancoradoiros, cofinanciados a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA).
Entre as entidades do sector pesqueiro beneficiarias está a Confraria de Pescadores de Cangas cunha achega de máis de 45 mil euros para a contrucción dun centro de estabulación de crustáceos nas instalacións da lonxa do municipio co dobre de capacidade que a actual co obxectivo de facer fronte ao progresivo incremento da oferta desta classe de invertebrados artrópodos mariños. O equipamento actual no que se depositan as capturas, despois do seu pesado e etiquetado, para a súa posterior venda en subasta pública resulta insuficiente o que provoca que en ocasións, e ante a imposibilidade de colocar todo o produto, este sexa comercializado a prezos inferiores ou que sexa conservado por medios particulares.
O novo centro ocupa o espazo da antiga cámara de conxelado 2, que non tiña uso, e supuxo a implementación de dous acuarios cunha capacidade cada un de 1.400 litros e un bin de 1.000 litros no que instalar os filtros biolóxicos do sistema. Con este investimento dáse resposta á demanda do sector, ampliando este servizo que permitirá a conservación do produto nas mellores condicións biolóxica e hixienico-sanitarias, mellorar a súa trazabilidade e acadar mellores prezos.
Pola súa banda, a Confraría de Aldán-Hío recibiu unha achega autonómica de 10.000 euros ao abeiro desta liña de axudas para adquirir un apilador eléctrico e um portapalés manual co obxectivo de mellorar e aumentar o servizo de carga e estiba que se ofrece á frota artesanal e da acuicultura da zona. Esta acción permite asumir unha maior venda de produtos pesqueiros á vez que se reduce os riscos de accidente destas operacións tanto dentro como fóra da rula. Uns equipamentos que complementan á carretilla elevadora coa que contaban na actualidade.
Outra entidade beneficiaria destes apoios na comarca do Morrazo foi a Confraría de Vilaboa cun investimento de preto de 15.000 euros para a compra dun contedor isotermo para o almacenamento de xeo que complementa a propia máquina de producción de xeo e que resulta fundamental para manter em condicións óptimas de frescura as capturas desde o momento de desembarque ata o momento da venda. Tamén se incluiu a mellora e Modernización do sistema de apertura e peche dos portais de acceso á lonxa mediante a súa substitución por portas novas. Esta actuación permite un mellor illamento do edifício cun impacto directo na eficiência enerxética. Así dáse resposta ás necesidades do sector dado o deterioro sufrido no anterior portal e que estivo producido pola corrosión propia da exposición a un ambiente húmido y salino.
As tres entidades do sector pesqueiro beneficiarias das axudas da Consellería do Mar no Morrazo agrupan ao redor de 337 profesionais do mar que comercializaron no 2023 máis de 520 toneladas por valor de preto de 6,2 millóns de euros.
Ámbito autonómico
O Goberno galego desenvolveu no período 2016-2023 preto de medio millar de actuacións no marco do Plan de Equipamentos Portuarios por todo o litoral galego que supuxo a mobilización de 21,5 millóns de euros ao abeiro do anterior Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). En total, executáronse 467 actuacións orientadas á mellora da eficiencia enerxética, protección do medio ambiente, da seguridade e as condicións de traballo e da calidade e do control e rastrexabilidade dos produtos desembarcados da pesca. Os fondos xestionáronse mediante convocatorias de ordes de axuda implantadas no ano 2018 o que permitiu un elevado investimento por parte da entidades do sector.
Entre as accións que se levaron a cabo nestes anos, 272 tramitáronse como axudas, cun importe global de 14,2 millóns de euros; seguidas de actuacións en subministracións, servizos xerais, servizos informáticos, obras e convenios. O maior número de expedientes tramitáronse en 2023, con 112 actuacións por importe de 9,3 millóns. Das 3 provincias costeiras nas que se desenvolveron as actuacións, a provincia da Coruña, a que maior número de portos abrangue, foi a que recibiu maior investimento con 9,5 millóns e 260 actuacións. Os principais beneficiarios foron as confrarías de pescadores, que nas primeiras convocatorias eran de feito as únicas destinatarias previstas. A partir da segunda convocatoria do ano 2021 ampliáronse os potenciais beneficiarios a organizacións de produtores da pesca, cooperativas, asociacións profesionais de persoas mariscadoras e asociacións profesionais de redeiras. En total foron preto de 70 as entidades, na súa inmensa maioría confrarías, beneficiarias deste programa.
O equivalente a plantar 28.000 árbores
Entre os anos 2019 e 2023 a Consellería do Mar desenvolveu 7 convocatorias de axudas nas que se financiaron actuacións que tiñan por obxectivos mellorar a eficiencia enerxética e protexer o medio ambiente. Nesas convocatorias tramitáronse, nos obxectivos mencionados, 46 proxectos por importe total de 3,4 millóns de euros financiados ao 100% na súa maioría.
A maior parte das axudas concedidas corresponderon a accións relativas a enerxía fotovoltaica e de autoconsumo, con 19 proxectos por importe de 722.000 euros, mentres que o maior importe destinouse a eficiencia en instalacións de frío, con 13 proxectos e 2 millóns de euros. A iluminación LED destináronse outros 13 proxectos, por importe de 114.000 euros e financiouse unha obra de eficiencia enerxética por importe de 512.000 euros.
Coa implantación destes proxectos espérase acadar un aforro enerxético anual de máis de 2.000 MWh/ano, co conseguinte aforro económico directo e doutros custes relacionados como os de mantemento. Ademais evítase a emisión de máis de 728 toneladas de C02 á atmosfera, o que equivalería á plantación de preto de 28.000 árbores. Con este tipo de actuacións de carácter público en espazos visibles preténdese tamén promover a racionalización do consumo enerxético apostando por fontes limpas de enerxía.