O espectáculo poderase ver na carpa Educateatro instalada na Praza do Regueiro – Cantodarea, o venres ás 18:30h, o sábado ás 17h e o domingo ás 12h e ás 17h
Educateatro Producións sae dos teatros para poñer en escena o seu novo espectáculo en carpa, Circo de Pinocho. O proxecto de maior envergadura dos creadores de Os tres porquiños, Carapuchiña Vermella e O mundo máxico de Pinocho, recalará esta fin de semana recalará en Marín, na Praza do Regueiro (Cantodarea), con funcións o venres ás 18:30h, o sábado ás 17:00h e o domingo, ás 12:00h e ás 17:00h.
A montaxe, creada unicamente para representarse en carpa, combina o teatro musical cunha escolma dos números máis tradicionais do circo, empregando como fío conductor a Pinocho, un dos personaxes máis coñecidos da literatura universal.
Foi presentada esta mañá polos propios artistas, así como polo productor de Educateatro, Xandre Vázquez; o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira de Cultura, Marián Sanmartín.
Durante as dúas horas de función, descanso incluído, o público acompañará ao protagonista a cumplir o seu soño de montar un circo. Para iso, Gepetto construirá aos bonecos que, coa maxia da Fada Mimadriña, volveranse de carne e óso para ofrecer números de corda frouxa, malabares, suspensión capilar, acrobacias, trapecio… aderezadas por unha banda sonora orixinal composta por 20 cancións. Co que non contaba ninguén, é que ese feitizo fará que Pinocho se transforme de novo nun boneco de madeira. Durante o espectáculo, Pinocho e Pepiño Grilo terán que atopar á Fada para reverter o conxuro, pero non aparece por ningures. Raptouna a malvada Chinche Chinchón, que está reclutando artistas para o circo da competencia. Poderán os artistas liberala para que Pinocho volva ser un neno de verdade?
O equipo creativo, así como o elenco do Circo de Pinocho, componse maioritariamente por artistas galegos, e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través das axudas á creación escénica; o Concello de Redondela e a Comunidade de Montes de Amoedo (Pazos de Borbén) para a xira que levará o espectáculo a localidades de toda Galicia.
Jacobo Sutil quixo destacar a “gran difusión” que ten este espectáculo, “que chegou a case 7.000 espectadores en máis de trinta funcións, o que dá unha idea da calidade do espectáculo e do orientado que está o público”. Ademais, destacou a importancia o traballo en prol da “difusión do galego entre os máis novos” que fai este show.
Pola sú banda, a alcaldesa María Ramallo quixo destacar “a sorte que temos de poder desfrutar dun espectáculo así na casa e ademais con participantes, como Noel, que son marinenses e que sabemos que fixeron forza para que a súa actuación puidese brilar na casa”. Ramallo quixo animar a toda a veciñanza a participar do evento: “Sempre que un vai ao circo, queda con ganas de volver”.
Carpa para 450 persoas
O espectáculo realizarase nunha carpa de circo con aforo para 450 persoas, comodamente sentadas en butacas individuais e con calefacción. Ademais, o ambigú conta con servizo de cafetería, photocall e instalacións adaptadas para cadeiras de rodas. Na representación circense non participan animais.
Venda de entradas
As entradas para as funcións oscilan entre os 15€ na grada e palcos laterais e os 20€ no palco central. Os venres, día da persoa espectadora, as localidades terán un prezo único de 10€ , e os domingos ás 12:00h, un desconto xeral de 3€ en cada boleto.
As entradas xa se poden adquirir na web www.circodepinocho.gal e tamén na billeteira física no hall do circo, unha hora antes de cada función.