O Goberno local solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para tratar de executar esas dúas iniciativas, coas que seguir traballando por acadar unha Praza de Abastos modernizada e posta en valor
Os mercados municipais tiveron, tradicionalmente, un valor constante ao longo do tempo, desempeñando un papel fundamental na satisfacción das necesidades de compra dos productos alimenticios frescos nas cidades.
Máis non só iso. Son tamén compoñentes clave no sistema de distribución comercial urbana, facendo especial fincapé nos productos locais, de quilómetro cero, supoñendo, por tanto, un revulsivo tanto para a propia economía local como para a promoción da gastronomía e a calidade de vida do pobo no que se asentan.
Por iso, é imprescindible que a nosa Praza de Abastos siga mellorando. Así, o Concello de Marín vén de solicitar unha subvención á Xunta de Galicia para levar adiante dous proxectos importantes para a infraestrutura.
Por unha banda, un proxecto de actuación na cuberta da edificación coa finalidade de mellorar a recollida de augas pluviais e así resolver os problemas de filtracións detectados na actualidade. Por outro lado, tratarase de acadar financiación para redactar un proxecto de mellora, renovación e modernización de toda a imaxe do Mercado, apostando por unha gráfica armonizada para todos os postos, a sinaléctica e o mobiliario.
Sairá de novo a licitación para a habilitación de baños para ostomizados
Volverá licitarse a obra de renovación dos baños da Praza para instalar uns que sexan accesibles e aptos para persoas ostomizadas.
Este proxecto, que quedou deserto na primeira licitación, é considerado como importante polo Concello polo importante servizo que prestaría, polo que se volverá tratar de impulsar a súa contratación.