O Goberno provincial aprobou hoxe o convenio para realizar as obras que permitirán mellorar as condicións de seguridade e mobilidade coa creación dunha senda peonil
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe en conferencia de prensa a aprobación dun convenio co Concello de Marín a través do cal se destinarán preto de 1,2 millóns de euros para mellorar a mobilidade peonil na EP-1203. Unha actuación que, como destacou o presidente provincial, “será financiada ao 100% desde a Deputación, xa que o Concello recibiu unha achega de 360.000 € do Plan +Provincia para sufragar a súa parte”. Desta maneira, tan só terá que encargarse de aportar os preto de 45.000 € para afrontar as expropiacións necesarias para as obras.
As obras permitirán mellorar as condicións de seguridade e mobilidade para peóns e vehículos na zona que conecta as estradas provinciais EP-1202 e a autonómica PO-313, dando accesibilidade ao núcleo de Ruanova, onde se construirá unha senda peonil para ofrecer un mellor tránsito ás persoas e ordenar a convivencia co tráfico rodado.
“Con iniciativas como estas seguimos avanzando na transformación das estradas provinciais desta provincia para alongar a súa vida e garantir a seguridade”, asegurou López.