A petanca, ao igual ca outros xogos populares tradicionais como a billarda, a chave, a rá ou a mariola, non só cubren a necesidade de inculcar na cidadanía hábitos saudables ao aire libre (para os que é preciso dotar aos espazos públicos comunitarios de instalacións que permitan a súa práctica), senón que tamén son parte do acervo tradicional e cultural galego, preservando as tradicións populares e garantindo a súa traslación xeracional e, por ende, a súa pervivencia social.
Así o entende o Concello de Marín, que recuperará as dúas pistas que existían no parque infantil de Virxe do Carme. A empresa Garocaprim será a encargada de executar os traballos para o adecentamento do espazo e a súa recuperación como pistas de petanca, cunha inversión de 13.297 euros.
O obxectivo é que poidan estar listas canto antes para acoller actividades organizadas por asociacións que se adican á practica e á recuperación deste tipo de deportes e xogos.