Os concelleiros Marián Sanmartín e Manuel Santos acudiron hoxe ata o Templo Vello, onde se iniciaron as obras de restauración da Torre do Reloxo, construida en 1925 e de titularidade municipal e para a que xa se tiña proxecto desde hai tempo.
Unha vez conseguida a financiación, que ascende a 39.452 €, con cargo a unha subvención da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, agora iniciáronse os traballos, que consistirán nas obras de limpeza, restauración e consolidación dos muros e a zona superior da torre; a substitución da carpintería exterior e das ventás e cambio da porta de acceso á torre, así como a eliminación das filtracións de auga e o sellado.
O edil de Urbanismo asegurou que agora “unha vez rematadas estas obras a seguinte fase ten que ser traballar por actuar nas necesidades do interior da torre, como é actuar na estructura metálica do campanario, a mellora da cuberta, a zona da maquinaria do reloxo e a restauración das paredes interiores, ademais de actuar nos desagües, a escaleira e a carpintaría”.