Os populares levan de novo este asunto a Pleno e denuncian que o servizo non podería ser peor e critican a inacción do goberno do BNG
O grupo municipal do PP leva, unha vez máis, as deficiencias do servizo de recollida do lixo ao próximo Pleno para reclamar que se licite este servizo, en situación irregular así como que desde o equipo de goberno se entregue información detallada aos grupos políticos de cal é a situación actual deste servizo. Desde a formación reclaman transparencia e esixen que desde a Mancomunidade que preside a alcaldesa de Cangas, a nacionalista Araceli Gestido, se facilite a todos os grupos os estudos realizados nos últimos anos
sobre a viabilidade da futura e prometida municipalización.
Os populares resaltan que esta suposta municipalización é a excusa pola que os responsables municipais están deixando que se dregade o servizo ano a ano, cun contrato vencido e nunha situación irregular e de absoluta precariedade que agrava todavía máis a situación. Recordan que son numerosas as queixas da veciñanza relacionadas coa escasa frecuencia da recollida ou sobre os contedores rotos e a súa falta de limpeza. Sinalan que a situación tampouco viviu ningunha mellora desde a chegada á presidencia do
ente supramunicipal da rexedora canguesa. “A inacción e pasotismo son as señas de identidade do seu goberno e tamén da súa xestión ao fronte da Mancomuidade” afirman.
“Non se recolle o lixo coa frecuencia adecuada, os contedores están rotos e sucios, non se repoñen e isto aínda é máis agravado nas parroquias” sinalan. “Negámonos a pensar que non se pode facer nada e poñemos solucións enriba da mesa que o goberno local debe levar a cabo” engaden. “O que hai detrás desta desastrosa xestión son as promesas incumpridas e a incompetencia dun Goberno municipal incapaz de sacar nada adiante e que nun ano só foron quen de aprobar os seus soldos” destacan. Recalcan que Cangas é o municipio que máis aporta e que peor servizo recibe. “É inaceptable. Esiximos solucións. Se non son quen de xestionar os servizos municipais o mellor que poden facer é marcharse” rematan.