Plano da nova glorieta na Avenida de Ourense.

Este cambio na ordenación do tráfico permitirá aumentar a fluidez e eliminar os semáforos nesa zona. O proxecto, impulsado polo Ministerio de Transportes, pretende mellorar o tránsito peonil e a accesibilidade, ancheando a beirarrúa anexa aos edificios e aos negocios

A PO-11, estrada que atravesa o corazón urbano de Marín, está sendo transformada para facer da Avenida de Ourense un espazo máis ordenado para os coches, os peóns, a economía local e a cidadanía que vive na zona. O Concello informou esta mañá de que as obras, proxectadas e impulsadas polo Ministerio de Transportes, avanzan a moi bo ritmo e xa é posible ir vendo o resultado do ancheamento da beirarrúa en toda a zona de Cantodarea. Os traballos estanse levando adiante pola UTE de Construcciones Fechi e Moncosa
OHS, cun orzamento de 1.250.000 euros.

O ancheamento da beirarrúa pegada aos edificios permitirá resolver problemas de accesibilidade e incluso fomentar a economía local, coa posibilidade de que os locais de hostalaría instalen terrazas. Isto é posible grazas ao desprazamento do eixo central da calzada, para reordenar os espazos.

Pero, ademais diso, a obra suporá un cambio radical na xestión dos fluxos de tráfico. A creación da glorieta á altura do cruce coa Rúa Vidal Pazos permitirá:

● Eliminar o semáforo da Rúa Carballiño, polo que simplemente haberá que facer o ceda ao paso para incorporarse á Avenida de Ourense
● Eliminar os semáforos da propia Avenida e utilizar a glorieta tanto para continuar, como para incorporarse a Vidal Pazos ou para dar un cambio de sentido, que ata agora só era posible facer na glorieta de Praza de España, sen desviarse. Neste tramo será no único no que se vexa afectado o estacionamento, onde se reducirán algunhas prazas para poder conseguir a anchura precisa para a construción da glorieta.

O seguinte tramo será o que discorre desde a confluencia coa Rúa Areíña, á altura da Biblioteca, e ata o parque infantil da Alameda. Seguirase ampliando a beirarrúa, respectando neste caso a pedra característica diante do Consistorio, xa que se trata dunha continuación da pedra do propio edificio.

A última parte discorrerá paralelo ao parque infantil e á Alameda, ata chegar a Praza de España. Neste caso, manterase a beirarrúa existente, que xa ten unha anchura de 1.80 metros, sobre todo porque o tránsito habitual de peóns faise polo interior da propia Alameda.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *