“Non hai nada como poder estar en espazos onde a cultura o impregna todo”, asegurou Carmela Silva quen, emocionada, amosou a súa ledicia ao ver a rúa, o espazo público, recuperado pola cidadanía na celebración do Día Internacional da Música. A presidenta da Deputación quixo aproveitar a celebración desta efeméride, en Pontevedra e en Vigo ás 20.00 horas, para facer un recoñecemento á xente da cultura: “durante o confinamento a cultura, e particularmente a música, foi a que nos mantivo con raios de esperanza, de xeito altruísta, e agora lle temos que devolver todo o que nos deron”.
A presidenta da Deputación destacou que a vontade do goberno provincial era que “o noso primeiro acto público estivera ligado á música” e, deste xeito, adiantou a hoxe a celebración do Día Internacional da Música, que se celebra o 21 de xuño, con dous actos nos que a música, as artes escénicas e a plástica se deron cita. “Queríamos que a Deputación saíra de novo ás rúas e queríamos facelo nun primeiro acto público con música, con estes acordes que nos fan ser tan felices”, destacou a presidenta provincial.
En Pontevedra o espectáculo correu a cargo de Nelson Quinteiro quen realizou unha actuación multidisciplinar na escalinata exterior do Pazo provincial. Quinteiro, xunto aos músicos Brais González, Álvaro Cardalda, Iago Prieto e Roi Adrio mesturaron as melodías de “Músicas de Domingo” coa pintura ao vivo de Alba F. Troiteiro e a danza de Iván Villar. Mentres os músicos e o propio Quinteiro ocupaban a parte baixa das escaleiras, interpretando as diferentes pezas musicais e interactuando co numeroso público asistente, o bailarín danzaba nas escaleiras e a artista situábase na parte superior, xunto ás portas de acceso ao edificio, elaborando un gran cadro que representaba unha nena cun corazón entre as súas mans, simulando a parte emocional da música.
Trala celebración do Día Internacional da Música en Pontevedra, ás 20 horas a Porta
do Sol de Vigo toma o relevo coa actuación “Quen canta o seu mal espanta”, protagonizada por Macarena Montesinos e Nuria Sotelo. Novamente a música, neste caso do cello, mesturarase coa danza, nunha peza flexible e visual, transmitindo todo “o bo” que trae a música “para espantar – tal e como destacou a presidenta- hoxe máis ca nunca, o mal”.