Mentres, desde o Concello repróchanlle á Autoridade Portuaria o sobrecusto do arranxo e lémbranlle o incumprimento do convenio ao non desafectar os terreos
O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, trasladouse esta mañá a Cangas para supervisar persoalmente, xunto a parte do seu equipo directivo, as obras de mellora e acondicionamento que a institución que preside está a levar a cabo no paseo do Salgueirón.
Os traballos comezaron o pasado 31 de maio e, segundo puido comprobar o máximo responsable portuario, avanzan segundo o previsto e poderían estar rematados nas próximas semanas. A Autoridade Portuaria de Vigo decidiu executar estas obras ante a negativa por parte do Concello de Cangas a facerse cargo dos traballos. Unha cuestión que foi abordada entre o propio Vázquez Almuiña e a alcaldesa, Victoria Portas, en senllas reunións mantida o pasado 6 de abril e o 5 de maio.
O Concello insiste no sobrecusto e no incumprimento do convenio
Precisamente, desde ese segundo encontro os reproches entre ámbalas dúas administracións por esta cuestión son unha constante. Desde a Autoridade Portuaria advertiuse en varias ocasións ao Concello con recorrer á vía xudicial se non acometía el as obras de reparación, con todo desde o consistorio, e a última vez que se comunicaban coa institución portuaria foi onte mesmo, repróchanlle o cambio repentino no custo da reforma, que inicialmente non superaban os 18.000 euros e, despois, ascendían a máis de 37.000 euros (máis IVE). Ademáis, insisten, o Porto de Vigo incumpriu o convenio bilateral no que tiña a obrigación de desafectar os terreos do Salgueirón.
A Autoridade Portuaria asegura que reclamará ao Concello danos e prexuízos.