O goberno local de Moaña, acompañado por alumnos dos colexios do municipio que asistían ao pleno infantil, izou por segundo ano a Bandeira Verde de Galicia que lle concedeu a consellería de Medio Ambiente coma galardón o seu esforzo e a súa implicación, así como dos seus veciños, na protección dos elementos máis representativos da Comunidade galega: a paisaxe e o patrimonio natural.
O devandito recoñecemento estaba aberto a todos os concellos de Galicia que desenvolveran actividades relacionadas coa ordenación territorial, a protección do medio ambiente, o cambio climático, a eficiencia enerxética, a xestión responsable dos residuos, así como accións de sensibilización e comunicación para concienciar aos veciños da importancia de actuar e avanzar nestes eidos.
Con estes galardóns, o Goberno galego quere premiar a aqueles concellos que destacan polas súas boas prácticas ambientais de conservación e protección da paisaxe, ao tempo que se converte nunha correa de transmisión entre o traballo que fan as administracións locais e a implicación da cidadanía.