As persoas que se están a formar con este programa subvencionado pola Xunta de Galicia teñen dentro da planificación este tipo de saídas, que permiten intercambiar espazos de traballo conxunto coa rede do mercado laboral
A inserción laboral e a procura dunha estabilidade económica e da realización persoal son os obxecitvos que se perseguen no Obradoiro Dual de Emprego que o Concello de Marín ten activo e que está a beneficiar a 20 persoas usuarias.
As formacións que se están a desenvolver son de atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio e en institucións sociais, por unha banda, e de elaboración de produtos da pesca e a acuicultura, por outra.
Durante o que leva camiñado o programa, desde a Dirección do Obradoiro fixeron o balance das empresas e institucións ás que se fixeron visitas, como por exemplo foi ás entidades do Servizo de Axuda no Fogar (Galáurea e Idades), o selo PescadeRías, a Lonxa de Marín, Saraiva, Amencer, a Residencia de Campolongo ou Pescados Molino, entre outras.
Durante esta semana, as saídas continuarán á Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral, á Feira de Conxemar e á empresa Cabomar, ubicada na rada marinense.
Por outra banda, realizáronse varias entregas de peixe ao Comedor Social, correspondentes aos módulos prácticos da formación de Pesca e Acuicultura.
Este programa é posible grazas á axuda da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, coa financiación do Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil.