A alcaldesa María Ramallo fai un balance do que se leva posto en marcha neste mandato e cales son as metas futuras
A alcaldesa, María Ramallo, e todo o Goberno local reuníronse esta semana para facer balance dos primeiros 100 días de goberno, un arranque de mandato que está a acelerar todos os proxectos e obxectivos marcados para a vila nos próximos catro anos. “O primeiro que quixemos facer foi marcar a estratexia, marcar unhas metas. Por iso, aprobamos a Axenda Urbana que marcará o camiño coa súa diagnose, estratexia e plan de acción”, explicou Ramallo.
A partir de aí, engadeu, toca ir avanzando nos proxectos esenciais para a vila. “Seguiremos entablando lazos e estreitándoos cada vez máis co Porto de Marín, un dos pulmóns industriais e empresariais máis importantes da provincia, e coa ENM, o noso campus universitario”. Tamén seguirase buscando a colaboración de organismos esenciais para poder acadar financiación externa, como a Deputación de Pontevedra ou a Xunta de Galicia, especialmente coa Consellería de Infraestruturas.
Algunhas das obras que xa están adxudicadas e que están a piques de seguir coa transformación urbana de Marín son a marxe dos edificios da Avenida de Ourense e a mellora da mobilidade na Rúa do Forte.
Tamén arrancará en breve a reconstrución do muro de Cividanes e retomouse a obra no Liceo Casino para convertelo nun Centro Xuvenil.
En materia de saneamento, esta executándose unha obra fundamental, a que sacará do cauce do río Lameira o colector, renovarase e crearase unha senda fluvial.
Demolición do antigo mercado de Cantodarea
En Cantodarea, despois de que Fenosa rematase coa canalización eléctrica, procederase á contratación da demolición do antigo Mercado para gañar un novo espazo para a veciñanza.
Ramallo explicou que teñen as obras de renovación e mellora a nosa piscina municipal, que se están a executar en prazo, e a maiores firmamos un convenio para a mellora da eficiencia enerxética e a accesibilidade no Pavillón da Cañota. Ademais, solicitouse unha subvención para acometer ese mesmo proxecto no Pavillón do Sequelo e estanse a realizar melloras na nave de remo do Porto.
“Nas próximas semanas seguiremos anunciando proxectos e iniciativas nas que levamos tempo traballando como o gran equipo que somos: sólido, unido, engraxado, con visión de futuro, planificación e estratexia, trarando de buscar recursos para seguir impulsando as melloras necesarias e cubrir as necesidades dun concello coma o noso, dinámico e que cada vez crece nas súas infraestruturas urbanas, rurais, deportivas e culturais”, avanzou.
A alcaldesa rematou asegurando que para que este balance de 100 días luza así, o que hai “son moitas horas de esforzo, traballo e adicación, que seguirán nos vindeiros anos para estar á altura da confianza depositada pola veciñanza de Marín”.