Os criterios de reparto veñen consensuados coas direccións dos centros, que se encargan de entregalos directamente ás familias que contan con menos recursos
A Xunta de Galicia, en colaboración cos centros educativos dos catorce concellos que integran a área territorial de Vigo, entregou desde a suspensión da actividade educativa presencial un total de 1.790 ordenadores ao alumnado de familias con menos recursos. En total, na provincia prestáronse 5.225 ordenadores.
Trátase da suma dos ordenadores que xa lle enviou a Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (Amtega) a cada centro da área, xunto cos equipos que tiñan tanto os propios centros educativos como os Centros de Formación e Recursos do Profesorado e que se puxeron a disposición das familias que o precisasen.
As familias reciben os equipos como préstamo persoal para facilitarlles aos seus fillos o
seguimento da actividade educativa, mentres dure a suspensión das clases presenciais.
Cómpre ter en conta, ademais que os alumnos que participan no porgrama E-Dixgal
dispoñen tamén neste curso de portátiles cedidos pola Xunta de Galicia.
Reforzo dos recursos en liña
A dotación deste equipamento forma parte do paquete de medidas que puxo en marcha a
Xunta para facilitar o seguimento en liña da actividade educativa. Entre as últimas
actuacións está a posta a disposición dos docentes dunha plataforma de videoconferencia
que permitiu na primeira quincena activa máis de 52.000 reunións virtuais, nas que
participaron 170.000 docentes e alumnos.
Para facilitar o acceso a todos os servizos dixitais educativos dispoñibles para toda a
comunidade educativa, habilitouse un espazo tanto no portal educativo como na canle do
espazoAbalar en Youtube, nos que se indica como acceder a eles, manuais de uso, e videotitoriais dos servizos e funcionalidades máis demandadas das aulas virtuais, o sistema de videoconferencia, e da plataforma de comunicación coas familias.